Pedra, pedriña
Pedra, pedriña,
ben redondiña.
Tirulirulá,
tiruliruliña.
Pedra, pedriña,
ben redondiña.
Tirulirulá,
tiruliruliña.
Sentados no chan en círculo as nenas e nenos participantes con cadansúa pedriña diante, pásanlle esta ao compañeiro ou compañeira da dereita ao tempo que se di o recitado. A continuación, seguindo o mesmo ritmo, cadaquén pasa a que acaban de deixarlle diante e así sucesivamente. É un xogo de colaboración moi divertido.
Veiga, Paco “O libro dos xogos…”
Cantámosche os “reises”,
guedellos de cabra,
cantámosche os “reises”,
non nos deches nada.
Cando na véspera do día de Reis se cantan os reis polas portas e nunha casa non dan nin tan sequera un pataco ou un chourizo, cántaselles esta copla.
María Luísa Pérez, de Suegos-Pol
Molliña, molliña,
na túa cariña.
Mollón, mollón,
no teu carón.
Cóllense as mans do neno ou da nena e, con elas, acaríñanse alternativamente as súas fazulas e as nosas, moi suavemente ata que en “carón” se dá un golpe máis forte.
O golpe final, se o damos na nosa cara, tamén se pode completar baleirando as bochechas inchadas de aire. “Molliña” dise con “o” aberto pois é un diminutivo de “molle”, que é variante de “mol”.
Anxos, do Rosal
Novo
Aí vén Pedro Chosco
por baixo da porta
“dicíndolle” ás nenas
que pousen a roca.
Tamén vén Antón
e dilles que non,
que fíen as nenas
para o seu camisón.
Anxo, de Santiago de Compostela
Novo
Ai, o meu meniño pequeno.
Ai, heino de mandar á escola.
Ai, heille de comprar un “trompo”,
ai, e mais unhas castañolas.
Pedriño chosco,
xa podes marchar,
e déixame as nenas,
que queren fiar.
Anxo, de Santiago de Compostela
Manxurriña, manxurriña,
come pan e ceboliña
¿Ves o gato no unto?
Escapa que che apunto.
Comézase facéndolle cóxegas na palma da man á/ó nena/o e cando se di “¿Ves o gato no unto?”, sinálase ó teito e no “Escapa que che apunto”, dáselle unha palmadiña na man á/ó nena/o.
Sabela, da Pontenova- Lugo
Espeto, espeto,
barruleto,
que saíu pola porta do vento,
a min me bufou
a min me cheirou.
Rebéntelle o cu
a quen o cagou.
Díselle ás nenas/os cando cagan un peido.
Anxo, de Tabilo – Outes
Une, dole,
tele, candele,
somane, badal,
chinchín,
corropín,
conta ben,
que son dez.
Perrello, de Gaioso – Outeiro de Rei
Novo
Santa Lucía,
morreu miña tía.
Dáballe papas,
non as quería.
Dáballe leite,
que ben o lambía.
Anxo, de Orro – Noia
Rabo de boi,
rabo de besta,
dixo meu pai
que estaba nesta.
Unha persoa garda, ás escondidas, un obxecto pequeno (pedra, caramelo…) nunha das súas mans e ofrece a outra persoa as dúas mans pechadas e separadas boca abaixo para que adiviñe onde está o obxecto. Estoutra persoa vai sinalando alternativamente as dúas mans seguindo o ritmo do recitado. Ó rematar este, a persoa que escondía o obxecto debe abrir a man sinalada nese momento. Se nela está o obxecto o/a que atinou queda con el.
-¡Tranquilo!
-Tranquilo morreu cagando agarrado a un pé de millo
e súa nai esperando por el no camiño.
É a contestación para cando nunha conversa che din: “¡Tranquilo!”.
Anxo, de Orro – Noia