Cantámosche os “reises”
Cantámosche os “reises”,
guedellos de cabra,
cantámosche os “reises”,
non nos deches nada.
Cantámosche os “reises”,
guedellos de cabra,
cantámosche os “reises”,
non nos deches nada.
Cando na véspera do día de Reis se cantan os reis polas portas e nunha casa non dan nin tan sequera un pataco ou un chourizo, cántaselles esta copla.
María Luísa Pérez, de Suegos-Pol
Xaneiro, oveiro.
Dito referente á gran cantidade de ovos que poñen as pitas en xaneiro.
Fizolas, de Lugo
A tía Marica
encima da abada
espelicou
as castañas louradas.
Logo, no pote
de facer o caldo
botounas todas
puñado a puñado.
Botoulle fiúncho
sal e loureiro
e prendeulle lume
a aquel pote de ferro.
Cando ferveron
un pouco a cachón
botounas todas
dentro dun cribón.
Cando estiveron
ben frías e secas
aquelas castañas
que boíñas eran.
Tanto me souberon
tanto me gustaron
que dende aquel día
sempre me recordo
da tía Marica.
Con este recitado ou cantiga lémbrase a preparación das castañas cocidas no tempo do Magosto.
Recollido nos anos 30 por Marcelina Panete en Lavadores – Vigo
Polo San Xosé,
bota a durmir un pé.
Os días empezan a ser moi longos e hai que botar a sesta.
Tareixa, de Naraío – San Sadurniño
O trece de Nadal,
día de Santa Lucía,
tira a noite e pon o día
ó paso dunha galiña
e por diante de xaneiro,
ó paso dun carneiro.
Este dito fala de como empeza a medrar a duración do día moi pouquiño a pouco a partir do trece de decembro e de como a partir de xaneiro, esta medra faise máis evidente.
Paula, do Condado
Unha sebe dura tres anos,
un can, tres sebes,
unha besta, tres cans,
un home, tres bestas,
e un corvo, tres homes.
Un can dura tres anos:
tres anos de can novo,
tres anos de bo can,
tres anos de can vello
e tres anos de lacazán.
Pilar Baxoi de Guitiriz
Febreiriño corzo,
cos seus vinte e oito,
se dura máis catro,
non queda can nin gato,
nin rato dentro do burato.
Esther, de Ourense
Marzo marzal,
pola mañá cara de can,
ó mediodía barrigán
e á noite como pola “mañán”.
Teresa de Lérez
Abril, se por mal quere vir,
aínda as portas da casa non deixa abrir.
Abril,
vaite a onde queiras
e vente ó cubil.
Teresa de Lérez