Recitados diversos

Recitados diversos

Tu e eu somos dous

– Tu e eu somos dous.
– E o can e o gato, “cuatro”.

Este dito serve para reforzar a unión entre dúas persoas (adulto e neno/a ou entre amigos/as) Unha vez que o dito é sabido por ambos os interlocutores, o propio é que un diga a primeira parte e o outro retruque coa segunda.

Xabi Xardón, da Limia

Eu tiña dez canciños

Eu tiña dez canciños.
Un non come nin bebe,
non me quedan máis que nove.
Dos nove que me quedaban,
un comeu un biscoito,
non me quedan máis que oito.
Dos oito que me quedaban
un comeu un molete,
non me quedan máis que sete.
Dos sete que me quedaban
un levouno el rei,
non me quedan máis que seis.
Dos seis que me quedaban,
un matouse dun brinco,
non me quedan máis que cinco.
Dos cinco que me quedaban
un matouse dun salto,
non me quedan máis que catro.
Dos catro que me quedaban
un tragou un bisté,
non me quedan máis que tres.
Dos tres que me quedaban
un morreu do sol,
non me quedan máis que dous.
Dos dous que me quedaban,
un morreu dun susto,
non me queda máis que un.
Este can que me quedaba
matoumo un becerro,
non me queda ningún “perro”.

Ricardo Pérez: “Xogos populares en Galicia…”

Seradela vai

Seradela vai,
seradela vén,
picotaso vai,
picotaso vén,
sssssssssssss

Cántase cando se vai coas vacas para que pensen que hai moscas e escapen para a casa no verán.

María, de Baredo – Baiona

Unha e unha, dúas

Unha e unha, dúas;
quero filloas das túas.
Dúas e dúas, catro;
ben postiñas no prato.
Catro e catro, oito;
dáme tamén biscoito.
Oito e oito, dezaseis;
trinta e dous pasteis.
Ponos nuha bandexa
e que ninguén os vexa.

Roberto Mellid, de Miño