Para aloumiñar

A boaventura

Queres que che faga a boaventura?
A boaventura
que Deus che ha de dar,
se che pica a mosca
terás que rascar.

O adulto pregunta e o/a neno/a tende unha man. O adulto, co seu dedo indicador faralle riscos e cruces na palma ó tempo que di: “A boaventura…” Cando chega ó último verso, o adulto, cos seus dedos apiñados, faille cóxegas na palma da man ó/á neno/a, que ó momento a retirará. Repítese o xogo cantas veces se queira.

Cortizas, Antón: ”Chirlosmirlos…”

Este olliño pimpilín

Este olliño pimpilín.
Este olliño pimpilán.
Este nariz narizán.
Esta boca pide pan.
Este queixo non llo dá.
¡Arríncate, cabalán!

Mentres di o recitado, o adulto acaricia as partes do corpo nomeadas facendo círculos co dedo indicador. No último verso fai coma quen que lle arrinca o queixo colléndollo cos dedos indicador e medio e introduce entre eles o seu propio pulgar.

Esta leira é túa?

– Esta leira é túa?
– É.
– E esta?
– Tamén.
– Pois… arrinca este marco!

O adulto colle entre os seus dedos indicador e medio as fazulas (leiras) do/a neno/a. Primeiro unha e despois a outra. Cando di “¡arrinca este marco!” fai coma quen que lle arrinca o nariz cos devanditos dedos e introduce entre eles o seu propio pulgar.

A orixe deste dito está ligada á distribución e ó valor tradicionais da propiedade da terra en Galicia.

Esta testa testalán

Esta testa testalán,
estes ollos pete, pete,
este “narís narisán”,
esta boca pide pan,
este queixo queixolán.
¡Turra polo capitán!

Isto fáiselle a un meniño, tocándolle a parte da cara conforme se vai citando, e ó final, no de “¡Turra polo capitán!”, tíraselle do pelo por riba da testa.

Ana do Barbanza

Isto que son orellas ou campás? (Varias versións)

– ¿Isto que son orellas ou campás?
– Campás.
– As campás hai que tocalas ¡Din, dan! ¡Din,dan!
– ¿Isto que son orellas ou campás?
– Orellas.
– As orellas hai que comelas ¡Ñam, ñam, ñam, ñam!

O adulto pregúntalle ó/á neno/a mentres lle colle as orellas coas mans. Se a resposta é “campás” abanéalle a cabeza (din,dan). Se a resposta é “orellas” fai coma quen que llas come. Primeiro unha e despois a outra.

(máis…)