Para xogar cos dedos

Este é o dedo meniño (varias versións)

Este é o dedo meniño,
este é o seu sobriño,
este é o pai de todos,
este é o furabolos
e este, o matapiollos.

O adulto vaille collendo os dedos ó/á neno/a dende o máis pequeno ó máis gordo. Con este recitado o/a neno/a aprende os nomes populares dos dedos da man. Hai moitas variantes en canto ós nomes.

M. Barrio – J. Pérez Ballesteros: : “Cancionero Popular Gallego”

(máis…)

Xan e Pedro

Xan e Pedro
foron ó monte.
Marchou Xan.
Marchou Pedro.
Volveu Xan.
Volveu Pedro.

Xógase batendo cos dedos das dúas mans nunha mesa. Primeiro póñense nas uñas dos dous dedos índices cadanseu adhesivo (un é Xan e o outro é Pedro) e bátese con eles enriba da mesa, un despois do outro (os demais dedos teñen que estar recollidos na man) mentres se di o recitado. No momento en que se di “Marchou Xan” hai que cambiar de dedo e pousar o dedo do medio desa man agochando o que ten o adhesivo. Faise o mesmo co outro cando se di “Marchou Pedro”. Despois, ó dicir “Volveu Xan” vólvese poñer o dedo índice encol da mesa e o mesmo con Pedro.