Serra comadre (varias versións)
Serra, comadre,
serra, compadre,
na serreiriña do señor abade.
Ti coa lima
e eu coa serra
gañaremos cartiños coma terra.
Serra, comadre,
serra, compadre,
na serreiriña do señor abade.
Ti coa lima
e eu coa serra
gañaremos cartiños coma terra.
Cóllese o bebé dos braciños, sentado fronte a un como semellando o feito de agarraren entre dous unha serra de man ó tempo que se lle soben e baixan as pernas para removelo suavemente. Vaise cantando poñendo énfase no final.
Lanuxos, de Bedús – Friol
Dinquirindín,
dinquirindán.
¿Quen morreu?
O sancristán.
¿Quen lle toca?
Seu irmán.
¿E con que?
Co rabo do can.
Unha persoa colle o/a neno/a polos brazos e outra polos pés e balancéase a un lado e a outro mentres se recita. Cando remata o dito póusase o/a neno/a tombado á vez que dicimos a última palabra da canción.
Maria, de Outes
A serriña serra,
ti polo mar
e eu pola terra.
Aserrín,
aserrán
os madeiros
de San Xoán.
Os de enriba
serran ben
e os de embaixo:
Tamén, tamén, tamén.
Co/a meniño/a sentado/a no colo, collémolo/a polas mans e movémolo adiante e atrás, con cada liña de texto. Coa última, danse tres sacudidas (segundo a idade do/a meniño/a máis ou menos fortes).
Olizinho de Noia
Ris, ras
aparta “pa” alá
que perdo o compás.
O adulto colle o/a neno/a no colo e abanéao para os lados. Ó rematar o recitado, tras repetilo varias veces, fai coma quen que o lanza ó aire. Ou ben estando o/a neno/a sentado/a no colo fronte a fronte cólleo polas mans e arrandéao para diante e para atrás.
Este recitado tamén pode acompañar un xogo entre dous nenos máis maiores que fan unha especie de serra cun cordel fino.
Serra, Martiño,
serra, Martiño,
ti polo pan
e eu polo viño.
Serra, Martiño,
sérrame o pan,
sérrame o viño,
sérrame a man.
M. Barrio – M. Fernández Costas: “Juegos…”
Serra, compadre,
serra, comadre,
na serrería
do señor abade.
M. Barrio
“Tu” coa serra,
eu co serrón.
Veñan cuartos
ó meu bolsón.
Cóllese o neno/a no colo e séguese o ritmo deixándoo caer un pouco.
Noemi de Allariz
Tris, tras,
a estopa urdirás
co pé para adiante
co cu para atrás.
M. Barrio – J. Pérez Ballesteros: “Cancionero…”