Burlas, disparates e mentiras

Burlas, disparates e mentiras

Xan, Xaranxán

Xan, Xaranxán,
dacabalo do can;
o can era coxo
e tirouno no toxo;
o toxo era bravo
e tirouno no prado;
o prado era frío
e tirouno no río;
o río era doente
e levoullo á xente;
a xente era quente
e levoullo ó cura;
o cura coa risa
mexou na camisa.

M. Barrio – Xesús Rábade Paredes en “Gran Enciclopedia Gallega” voz “arrolo”.

Fun ó muíño

Fun ó muíño,
o muíño a moer,
os ratiños a roer,
pillei un polo rabo
e leveino ó mercado.
E díxome unha muller:
– ¿Canto quere por ese porquiño cebado?
– Sete “reás” e un chavo.
Con aqueles sete reás e un chavo
merquei unha besta rabela
e montei dacabalo dela.
Fun por unha carreleira torta e retorta
e atopei unha cabra morta.
Arreeille un puntapé
e aquela cabra morta dixo: ¡meee!

Amelia de Forcarei

Vou contar catro mentiras

Vou contar catro mentiras:
polo mar andan as lebres
e nos montes as sardiñas.
Son un triste pasaxeiro
que vai polo seu camiño:
nas botellas levo o pan
e nas alforxas o viño:
Cheguei onde unha taberna:
¿Taberneira, hai que comer?
Colleron os bois ás costas
e o arado foi beber.

M. Barrio – Seminario de Estudos Galegos: “Vila de Calvos de Randín”.