Puño puñete (varias versións)

Puño puñete (varias versións)

Novo

– Puñín, puñín.
– Puñín, puñín.
– ¿Quen está dentro?
– Xan do Convento.
– ¿Quen está fóra?
– Xan da Gaiola.
– O que “se” ría, paga a corriola.

Xógase cun neno/a ou entre dous nenos/as. Cando se di “Puñín, puñín”, cada un pon un puño pechado enriba da mesa, un enriba do outro, e vólvese repetir. Entón fica unha pía de catro puños pechados, un enriba do outro. Isto faise sempre serios, sen rir. Despois de rematar as preguntas e respostas, desfaise a pía de puños e cada un comeza a xirar unha man sobre a outra cos puños pechados coma se fose unha hélice ou un muíño. Sempre se debe de manter a seriedade, ollando cada un cara ós ollos do outro. Trátase de gañar o xogo non rindo. O primeiro que ría, perde o xogo.

Fesguello, de Foz

-¿Que hai aí dentro?
– Pan balorento.
-¿E por fóra?
– Pan de miola,
o que “se ría” non xoga.
Tece, tece, meu caraveliño,
tece, tece, para un neto de viño.

Neste caso, ó rematar coa montaña de puños, cada xogador cruza os dedos das dúas mans, xira os escachapiollos un arredor doutro e fitando ós ollos do contrincante, canta a última parte (tece, tece…) ata que un dos dous perda ó rir.

Mónica, da Terra Chá


– ¿Que hai aquí dentro?
– Pan de fermento.
– ¿E que hai aí fora?
– Pan de miola.
– ¿Que hai no mar?
– Un peixe a nadar.
– ¿E que hai no río?
– Un peixe frío.
– ¿Que hai na “ventana”?
– Unha madama
– ¿E que hai no balcón?
– O espantallo de Xosé Ramón.
– ¿Que hai na viña?
– Unha mosquiña.
– ¿E como fai?
– Pssssss
(Facéndolle cóxegas ó/á neno/a, simulando unha mosquiña).

Esta historia pódese contar a un único neno/a, buscando que vaia respondendo. Cada resposta vai acompañada por xestos que axuden a lembrar.
Tamén se pode xogar en grupo poñendo os puños uns por riba dos outros como nas demais versións, mais, ó rematárense os puños todas as mans simulan ser mosquiñas e fanse cóxegas entre elas.


– ¿Que é este?
– Puño puñete.
– ¿E este?
– Puño puñete.
– ¿E este?
– Puño puñete.
– …
– ¿E este? (derradeiro puño)
– Arquiña cerrada.
– ¿Que hai por dentro?
– Pan e fermento.
– ¿Que hai por fóra?
– Pan e miola.
– ¿Que dixo o rei cando marchou?
– Que devanásemos sete meadas e
ó que primeiro rise que lle dean
sete palmadas e un muxicón.
(Todos/as)
– Enviolar, enviolar,
o que ría ha de pagar.

Este recitado acompaña o xogo do mesmo nome: “O Puño puñete”. Os participantes, situados en rolda, colocan os puños pechados, alternativamente, uns enriba dos outros. Un xogador/a (“o/a que está de mesa”) deixa unha man libre coa que vai sinalando, mentres o diálogo ten lugar, cada un dos puños apiñados empezando polo de máis abaixo. O dono de cada puño vai respondendo ata chegar ó último puño. Entón ten lugar o diálogo máis longo (¿E este? / Arquiña cerrada. / ¿Que hai por dentro?…) entre o dono do puño situado máis arriba e o/a que preside o xogo. Cando o diálogo remata, todos os participantes fan coma se debandasen meadas coas mans e toda clase de parvadas que provoquen o riso dos outros. O primeiro en rir recibe un castigo, que pode ser diferente de cada vez.

Compáteo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.