Pico, pico, mazarico (varias versións)

Pico, pico, mazarico (varias versións)

Novo

-Pico, pico, mazarico,
¿quen che deu tan lindo “pico”?
–Deumo “dios” “pra” repicar.
Repiquei un ferrado de millo
e leveino ao muíño.
O muíño a moer,
os ratiños a roer.
Collín un polo rabo
e leveino “pro” mercado.
–¿E canto che deron por el?
–Seis “reás” e un borriquiño
para ir a cabalo del.

En cada golpe de sílaba, vaise tocando cada un dos dedos da man do neno ou nena.

Leonisa Lorenzo, de Vilaverde – Quins – Melón


Ergue o bico, mazarico,
¿quen che deu tamaño “pico”?
Deumo “Dios pra” o meu traballo
que é picar naquel carballo.
Eu piquei e repiquei
e un “grao” de millo atopei.
E leveino ó mercado.
Déronme seis “ras” por el,
un cochiño sen orellas,
unha galiña sen rabo
e un cabaliño para ir “dacabalo”.

Esta versión do “Pico, pico, mazarico” úsase tamén para cabalgar na perna.

Adelina, de San Tomé do Valadouro


Pico, pico mazarico,
¿quen che deu tamaño “pico”?
Deumo Deus “por meus” traballos
para picar nos carballos.
E piquei e piquei
catro “grauciños” atopei
e leveinos ó muíño.
O muíño a moer,
os ratiños a comer
e collín un polo rabo
e leveino ó mercado.
¿Canto me dades por este porquiño cebado?

Xosé Manuel, de Teo


Pico, pico, mazarico,
¿quen che deu tan longo “pico”?
Deumo Deus e San Santiago
para picar o pan no agro
e piquei e repiquei,
cen milliños encontrei
e boteinos a moer
e os ratiños a comer
e agarrei un polo rabo
e boteino naquel cabo
e tamén agarrei outro
e boteino naquel souto
e vin de moita “prisa”
tocando a miña gaitiña
pero víronme os ladróns
e roubáronme os calzóns

M. Barrio – N. Rielo: “Escolma…


Pico, pico, mazarico
¿quen che deu tan longo “pico”?
Deumo Deus “por meus” pecados
“pra” picar o pan nos agros.
Piquei e repiniquei
e cen granciños encontrei.
Leveinos ó muíño.
O muíño a moer
e os ratiños a comer.
Pillei un polo rabo
e leveino á feira do mercado.
¿Canto me dades por este porquiño cebado?
¡Sete mulas e un cabalo!
O cabalo estaba coxo
e leveino ó ferreiro.
O ferreiro non estaba na casa
e metinlle a pata no caldeiro da masa.
Cando vin de volta
encontrei unha cabra morta.
Deille un “puntapé”
e dixo a cabra: “¡Meeee!”

Moncho e Rosalía, de San Ándres de Vea – A Estrada


Pico, pico, mazarico
¿quen che deu
tan longo pico?
Deumo “Dios” “pra” picar
nos carballos.
E piquei e piquei
e repiquei.
Tres “grauciños” atopei.
Leveinos ó muíño a moer.
Os ratiños a roer.
Pillei un polo rabo.
Leveino ó mercado.
¿Canto me dades
por este porquiño cebado?

É un xogo común a moitos pobos de Europa que se utiliza para eliminar ou elixir a alguén. Xogan dous nenos/as. Cadaquén estende unha man e, coa outra, belisca o dorso da man estendida do contrincante ó ritmo do recitado. Os beliscos van sendo cada vez máis fortes e o/a primeiro/a que diga “¡ay!” queda eliminado/a ou ten que cumprir un leve castigo.

Marga, da Estrada


Pico, pico,
mazarico,
¿quen che deu
tan ben no pico?
Foi a filla de Don Luís,
que está presa
pola punta do nariz.
Os cabalos a correr,
as meniñas a estudar.
¿Quen será
a máis bonita
que lle toca escapar?

Rosa de Vilanova de Arousa


Pico, pico, mazarico,
¿quen che deu tan longo pico?
Deumo Deus e os meus pecados
“pra” comer o pan dos saos
e comín e recomín
e un gran de millo atopei.
Leveino ó muíño
o muíño a moer
e os ratiños a roer.

Lola de Paradela – Lugo

Compáteo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies