O señor don gato (varias versións)

O señor don gato (varias versións)

Estando o señor don Gato
en “silla” de ouro sentado,
calzando medias de seda
e zapatos colorados
recibiu unha noticia
que había de ser casado
cunha gatiña morena
que tiña o dote no rabo.

O gato coa alegría
“subíuse” no tellado.
Foi a pulga e deulle un couce,
tirouno “pra” o outro lado.
Partiulle sete costelas
e a metade do espiñazo
e logo mandou chamar
curas e mais escribanos
“pra” facer o testamento
do que tiña mal roubado:

Sete varas de legüizas,
outro tanto de adubado,
cinco cuartillos de aceite
“pra” facer un bo guisado.
Se preguntan quen morreu,
que morreu un “desdichado”;
non morreu de mal de amores
nin tampouco de costado.
Foi do couce dunha pulga
que é un mal desesperado.

M. Barrio- X. Ramón e Fernández en “Santa Marta de Moreiras”


Estando o señor don gato, miau, miau,
estando o señor don gato,
en silla de ouro sentado, miau, miau,
en silla de ouro sentado.
Chegoulle a gran noticia, miau, miau,
chegoulle a gran noticia,
que había de ser casado, miau, miau,
que había de ser casado
cunha gata morosquiña, miau, miau,
cunha gata morosquiña
que tiña os beizos colorados, miau, miau,
que tiña os beizos colorados.

O gato coa alegría, miau, miau,
o gato coa alegría,
caeu do tellado pra abaixo, miau, miau,
caeu do tellado pra abaixo.
Partiu as sete costelas, miau, miau,
partiu as sete costelas
tamén a puntiña do rabo, miau, miau,
tamén a puntiña do rabo.

Tratou de facer testamento, miau, miau,
tratou de facer testamento,
do moito que tiña roubado, miau, miau,
do moito que tiña roubado.
Sete varas de chourizos, miau, miau,
sete varas de chourizos,
e outras tantas de pescado, miau, miau,
e outras tantas de pescado.

Xa o levan a “enterrare”, miau, miau,
Xa o levan a “enterrare”,
van polas rúas do pescado, miau, miau,
van polas rúas do pescado.
E co cheiro das sardiñas, snif, snif
e co cheiro das sardiñas,
resucita o demo do gato, miau, miau,
resucita o demo do gato.
Por iso di toda a xente, miau, miau,
por iso di toda a xente,
que sete vidas ten un gato, miau, miau,
que sete vidas ten un gato.

Dorothe Schubart e Antón Santamarina, “Cancioneiro Popular Galego” (Pelogato 24)


Estábase un señor gato
en “silla” de ouro sentado,
calzando media de seda,
zapato branco e picado.
Preguntáronlle os amigos
se quería ser casado
con Michuquiña Morena
que andaba alí ó lado.
Fíxose desentendido
do seu rango moi preciado,
mais indo un día tras dela
caeu dende un tellado.
Médicos e “cirurxanos”
logo o dan por “desahuciado”
e el logo fai testamento
en ton desconsolado:
– Ña medriña se eu morro
non me enterren en ragrado,
entérrenme en campo verde,
onde a pacer vai o gado,
Déixenme a cabeza fóra
e o cabelo ben peiteado
para que digan as xentes:
“Este pobre “desdichado”
non morreu de tabardillo
nin tampouco de costado
que morreu de mal de amores
que é un mal desesperado.

Compáteo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies