Tempo cronolóxico

A tía Marica

A tía Marica
encima da abada
espelicou
as castañas louradas.

Logo, no pote
de facer o caldo
botounas todas
puñado a puñado.

Botoulle fiúncho
sal e loureiro
e prendeulle lume
a aquel pote de ferro.

Cando ferveron
un pouco a cachón
botounas todas
dentro dun cribón.

Cando estiveron
ben frías e secas
aquelas castañas
que boíñas eran.

Tanto me souberon
tanto me gustaron
que dende aquel día
sempre me recordo
da tía Marica.

Con este recitado ou cantiga lémbrase a preparación das castañas cocidas no tempo do Magosto.

Recollido nos anos 30 por Marcelina Panete en Lavadores – Vigo

Xaneiro

Cantámosche os “reises”

Cantámosche os “reises”,
guedellos de cabra,
cantámosche os “reises”,
non nos deches nada.

Cando na véspera do día de Reis se cantan os reis polas portas e nunha casa non dan nin tan sequera un pataco ou un chourizo, cántaselles esta copla.

María Luísa Pérez, de Suegos-Pol

O trece de Nadal

O trece de Nadal,
día de Santa Lucía,
tira a noite e pon o día
ó paso dunha galiña
e por diante de xaneiro,
ó paso dun carneiro.

Este dito fala de como empeza a medrar a duración do día moi pouquiño a pouco a partir do trece de decembro e de como a partir de xaneiro, esta medra faise máis evidente.

Paula, do Condado

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.