Recitados dialogados

Tantarantán/Touporroutou (Varias versións)

Ilustración do dito

– Tantarantán, ¿para onde vas vella?
– Tantarantán, vou para Pontevedra.
– Tantarantán, ¿que vas buscar?
– Tantarantán, unha carga de sal.
– Tantarantán, ¿para que é o sal?
– Tantarantán, para facer o caldo.
– Tantarantán, ¿para que é o caldo?
– Tantarantán, para “llo” dar ás vellas
– Tantarantán, ¿para que son as vellas?
– Tantarantán, para sachar o millo.
– Tantarantán, ¿para que é o millo?
– Tantarantán, para “llo” dar ás churras.
– Tantarantán, ¿para que son as churras?
– Tantarantán, para poñer os ovos.
– Tantarantán, ¿para que son os ovos?
– Tantarantán, para llos dar ó crego.
– Tantarantán, ¿para que é o crego?
– Tantarantán, para dicir a misa.
– Tantarantán, ¿para que é a misa?
– Tantarantán ¡para subir ó Ceo!

(máis…)

Puño puñete (varias versións)

– Puñín, puñín.
– Puñín, puñín.
– ¿Quen está dentro?
– Xan do Convento.
– ¿Quen está fóra?
– Xan da Gaiola.
– O que “se” ría, paga a corriola.

Xógase cun neno/a ou entre dous nenos/as. Cando se di “Puñín, puñín”, cada un pon un puño pechado enriba da mesa, un enriba do outro, e vólvese repetir. Entón fica unha pía de catro puños pechados, un enriba do outro. Isto faise sempre serios, sen rir. Despois de rematar as preguntas e respostas, desfaise a pía de puños e cada un comeza a xirar unha man sobre a outra cos puños pechados coma se fose unha hélice ou un muíño. Sempre se debe de manter a seriedade, ollando cada un cara ós ollos do outro. Trátase de gañar o xogo non rindo. O primeiro que ría, perde o xogo.

Fesguello, de Foz

(máis…)

O teu galo foi á miña viña

– O teu galo foi á miña viña.
– E o teu, á miña
– ¿Quen o mirou?
– Unha rapariguiña.
– ¿E por onde o mirou?
– Por unha xaneliña.
– Vamos berrar ó camiño.
– ¿Ás secas ou ás molladas?

Se a resposta é “ás secas” sópranse na cara un ó outro, sobre todo nos ollos. Perde o que peche antes os ollos. Se a resposta é “ás molladas” o duelo faise cuspíndose.

María, de Baredo – Baiona

Abre os olliños, Xan

– Abre os olliños, Xan,
que che vén Deus a ver,
coa cunquiña de sopas.

– ¡Veña Deus ou veña o Diaño,
eu os ollos non os abro!

Este recitado dialogado utiízase para espertar os/as nenos/as polas mañás.

Mª Carmen Armental, de Boiro

¿Que hai por dentro?

-¿Que hai por dentro?
– Pan barolento.
– ¿Que hai por fóra?
– Pan de Riola.
– Vamos tocar un pouquiño a “funfurriñola”.
O que ría leva na cachola.

Os/as participantes no xogo xuntan os puños mentres se recita. Despois cadaquén fai xirar os seus puños un sobre o outro ó tempo que emite un son “mmmm”. Perde quen ri primeiro.

Zé Pomar de Cariño

¿Que hai naquel tellado?

– ¿Que hai naquel tellado?
– Un gato esfolado.
– ¿Que hai naquela artesa?
– Unha vella tesa.
– ¿Que hai naquela escaleira?
– Unha vella peideira.
– ¿Que hai naquela buratiña?
– Unha campaíña.
– ¿E como fai?
– Tin, tilintín, tin, tilintín, tin.

Neste recitado temos un exemplo de contidos un tanto irreverentes, que se dan con frecuencia nos ditos infantís de tradición oral e que contribúen á súa finalidade cómica.

¿Que é este?

– ¿Que é este?
– Arca cerrada.
– ¿Que ten dentro?
– Masa amasada.
– ¿Quen a amasou?
– Un ratiño co rabo da aixada.
– Vamos debandar
que o que máis ría
máis ha de pagar.

M. Barrio – Cuevillas: “Parroquia de Velle”. Seminario de Estudos Galegos.