Para soprar

Mecos para soprar

¿Cando cociches?

– ¿Cando cociches?
– Onte á noite.
– ¿E que fixeches?
– Un boliño.
– ¿E quen cho levou?
– Un ratiño.
– ¿E como ía?
– Co rabo dereito.
– ¿Imos a un preito?

Xógase cun pícaro/a pequeno/a. Mentres se vai preguntando e contestando, cada un mira ós ollos do outro sen moverse, e cando se di “¿Imos a un preito?”, cada un sopra contra a cara do outro. Trátase de non rir, o primeiro que ría, perde.

Fesguello, de Foz

¿Onde está o gatiño?

– ¿Onde está o gatiño?
– Na ventaíña.
– ¿E que come?
– Pan e sardiña.
– ¿Imos a un preito?
– ¡Co rabo dereito!

O diálogo faise entre dous e ó final sopran un cara ó outro a ver quen sopra máis. Se se fai con nenos/as moi pequenos hai que soprar de “mentiras” para non magoalos.

Rosa, de Vilanova de Arousa