Audio

Ditos, recitados e cancións gravadas por Migallas Teatro

Trispilistrás, trispilistriñas


Trispilistrás, trispilistriñas,
o que non come non ten barriguiña.
Trispilistrás, trispilistrolas,
o que non come non ten barrigola.

Mentres recita, o adulto acaricia coa man e de xeito circular a barriguiña do/a neno/a. Na última palabra (barrigola), faille cóxegas na barriga.

Este é o dedo meniño (varias versións)


Este é o dedo meniño,
este é o seu sobriño,
este é o pai de todos,
este é o furabolos
e este, o matapiollos.

O adulto vaille collendo os dedos ó/á neno/a dende o máis pequeno ó máis gordo. Con este recitado o/a neno/a aprende os nomes populares dos dedos da man. Hai moitas variantes en canto ós nomes.

M. Barrio – J. Pérez Ballesteros: : “Cancionero Popular Gallego”

(máis…)

Este foi ó mar


Este foi ó mar e non pescou nada.
Este foi ó mar e pescou unha pescada.
Este quedou en terra e lavouna ben lavada.
Este quedou en terra e fixo unha caldeirada.
E este lambón, lacazán… ¡papouna, ben papada!

O adulto vaille collendo os dedos ó/á neno/a dende o máis pequeno ó máis gordo.

Rosiña foi a París (varias versións)


Rosiña foi a París
nun cabalo gris
ó paso, ó trote,
ó galope, galope, galope.

O/a neno/a cabalga sentado na perna do adulto fronte a el e collidos polas mans. A persoa maior vai acelerando o ritmo dos chimpos: “ó paso” (un chimpo); “ó trote” (outro chimpo); “ó galope, galope, galope” (moitos chimpos).

(máis…)

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies