A xoaniña (Coccinella septempunctata)

A xoaniña (Coccinella septempunctata)

Novo

Maruxiña, voa, voa,
polos campos da Madroa,
que teu pai e túa nai
che darán pan e cebola.

Lita Lopo Pérez, de Vigo



Reirrei,
¿cantos anos vivirei?
Vinte e cinco,
non o sei.
Un, dos, tres…

M. Barrio F. Lanza: “Falan…”


Xoaniña, voa, voa,
que teu pai vai en Lisboa
a comprar pan e viño
“pa” pasar o camiñiño.

Xoaniña, voa, voa
que o teu pai vai a Lisboa

un, dou, tres …

Cóntase ata que a xoaniña comeza a voar.

Raquel, de Alxén – Salvaterra de Miño


Reirrei
¿onde irei?
¿“Pa” o mar “pa” a terra
ou “pa” o bico da serra?

A xoaniña póusase na palma da man e dise o dito. Se voa para abaixo, vas para o Purgatorio, se voa para arriba, para o Ceo.

Tareixa, de Naraío – San Sadurniño


Voa bixaniña voa,
que teu pai vén de Lisboa
e “tráete” unha camisa nova.

Rosa Mª Fernández Carrera, de Tomiño


Xoaniña, voa, voa,
que teu pai vai en Lisboa,
túa nai vai coas vacas
e en vindo dache as papas.

Begoña


Xoaniña, voa, voa,
que che dou unha filloa.
Xoaniña, voa, voa,
que che dou un pan de “broa”.
Xoaniña, voa, voa,
que teu pai vai en Lisboa.


Maruxiña, voa,voa,
que teu pai vai na Madroa.

Anadosa, de Vigo


Voa, voa, xoaniña,
que teu pai vai no muíño
e a túa nai no Porriño,
Que che ha de traer
uns zapatiños
de cu de ratiño.

A nosa memoria- Marín


Voa, xoaniña, voa,
que teu pai vai en Lisboa
cun saquiño de boroa
e a túa nai está na cama
comendo pan e cebola.
Voa, voa…

Muíños


Voa, voa, xoaniña,
que che hei de dar pan e viño.
Voa, xoaniña, voa
que che hei de dar pan e boroa.

M. Barrio – L. Tobio: “Cosas…”


Xoaniña, voa, voa,
que teu pai vai en Lisboa
a comer pan e cebola.

Voa, xoaniña, voa,
que che hei de dar pan e filloa.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Voa, xoaniña, voa,
que che hei de dar pan de boroa.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Xoaniña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa
a comer pan e cebola.

M. Barrio – M. Fernández Costas: “Juegos…”


Xoaniña, voa, voa,
vai e tráeme
algunha nova.

M. Rico “Tantarantán…”


Maruxiña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa.
Maruxiña, voa, voa
que teu pai vai no muíño
e hache traer un boliño.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Maruxiña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa
e túa nai coas vacas
e vindo darache as papas.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Reirrei,
bota os cornos de fóra
que se non te matarei.

M. Barrio – L. Tobio: “Cosas…”


Sabiñón, sabiñón,
dime se mañá
vai sol ou non.

M. Barrio – I. Rielo: “Cancioneiro…”


Adiviña, adiviñón,
dime se mañá
virá sol ou non.

M. Barrio – I. Rielo: “Cancioneiro…”


Aveloiriña, voa, voa,
que che hei dar pan e cebola.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Bichiño de “Dios”,
cóntame os dedos
e marcha con Dios.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Cascarrubia, cascarrubia,
dime se mañá hai sol ou chuvia.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Ceboliña, ceboleira,
voa, voa,
que mañá
che vou dar
pan e cebola.

M. Barrio – N. Rielo: “Escolma…”


Costureiriña, voa voa
que che hei de dar pan e cebola.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Cuquiño de “Dios”
abre as ás
e vaite con “Dios”.

M. Barrio – I Rielo: “Cancioneiro…”


Deviñón, deviñón,
¿mañá vai sol ou non?.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Margaridiña de “Dios”,
abre as alas
e vaite con “Dios”.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


“Mariposiña” do Noso Señor,
cóntame os dedos
e vaite ó sol.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Papasol, papasol,
dille a teu pai
que mañá vaia sol.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Pitasol, pitasol,
conta os dedos
e vaite ó sol.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”


Pitasol, pitasol,
ensíname os panos
e vaite ó sol.

M. Barrio – F. Bouza Brey: “Nombres…”

Compáteo

1 Comentario

  • Arabella Reply

    “Custureiriña garrida,
    ¿mañá chove ou vai bó día?”

    Na miña zona á xoaniña chámaselle costureiriña. Poñíase na palma da man e recitábaselle o dito. Se voaba ía facer bó día e se non voaba, malo.

    01/11/2015 at 10:36 a.m.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando considérase a aceptación da nosa política de cookies. Máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies